O programa Empregatex permitiu a orientación laboral de máis de 500 persoas e a inserción laboral dun total de 160

  • • O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, deu conta hoxe en comisión parlamentaria deste programa destinado ás persoas desempregadas do sector téxtil
  • • Por outra banda, máis de 400 persoas beneficiáronse das distintas accións de formación que se desenvolveron
  • • Trátase do primeiro proxecto consensuado no seo do diálogo social de Galicia


O programa “Empregatex”, posto en marcha polo Goberno galego para axudar ás persoas desempregadas do sector téxtil, permitiu a orientación laboral de máis de 500 persoas deste sector e a inserción laboral dun total de 160.

Así o salientou hoxe o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, que deu conta en comisión parlamentaria do balance de execución deste programa ata o momento. A iniciativa comezou en febreiro de 2010 e rematará no mesmo mes do próximo ano. O proxecto conta cun investimento de 2,9 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización.

Segundo os datos expostos, resumiu Martiñá, o 31,49% dos participantes acadou a súa inserción laboral durante este período. O obxectivo é acadar unha porcentaxe de inserción do 60 por cento das persoas participantes no programa.

O proxecto “Empregatex” é a primeira actuación consensuada dentro do seo do diálogo social e está liderado polas consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria, en colaboración coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), patronal téxtil, que xunto cos sindicatos UGT e CCOO é parte executora deste programa.

Para acadar os seus obxectivos, o programa conta con seis estratexias diferentes para lograr a reinserción laboral: orientación profesional; formación e reciclaxe (Texmellora e Insiretex); fomento do espírito empresarial (Texcreación); promoción da mobilidade xeográfica (Movetex); formación en Tecnoloxías da Información e Comunicación (Textic); e axudas para unha mellor conciliación da vida laboral e persoal (Texconcilia).

A primeira fase do proxecto consistiu principalmente en localizar e contactar coas persoas desempregadas procedentes do sector téxtil. Grazas a este esforzo, contactouse con 575 persoas desempregadas. Deste total, 508 recibiron sesións de orientación. Durante esta fase, tamén se elaborou unha investigación para detectar as ocupacións cun maior potencial de inserción nos territorios de procedencia dos participantes.

Polo tanto, tras estudar as ocupacións con máis ofertas –ben dentro do propio sector téxtil, como en sectores alleos, pero con xacementos de emprego-, deseñáronse unha serie de accións formativas adaptadas, nas que participaron unhas 200 persoas.

Con respecto a esta fase, Odilo Martiñá destacou que, no que se refire a sectores distintos do téxtil, apostouse pola formación no eido sociosanitario en tanto os propios participantes en Empregatex mostraron o seu interese nesta saída laboral. Nesta fase de formación, tamén se realizaron accións de formación sobre TIC. Grazas a estas actividades, formáronse 228 alumnos e alumnas en alfabetización informática, perfeccionamento, e internet.

Cabe destacar tamén que se realizaron actividades encamiñadas á mellorar á formación en ocupacións propias do sector téxtil ou relacionadas. A través destas iniciativas formáronse a un total de 46 alumnos en distintos eidos como dependente de comercio; xestión de tendas; ou xestor de almacén. Todos estes procesos formativos rematan coa realización de módulos de prácticas non laborais que permiten incrementar as posibilidades de inserción.

No que se refire ao plan destinado a fomentar o espírito empresarial (Texcreación), desenvolvéronse seminarios, accións de asesoramento e cursos de especialización. Aos distintos seminarios acudiron un total de 130 alumnos.

Ademais, dentro deste proxecto, estase a coordinar e orientar a creación dunha cooperativa no eido téxtil, na que se incorporarían un total de 20 persoas.