O programa ‘Empregatex’ permitiu a orientación de máis de 500 persoas e a inserción laboral dun total de 200

  • • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, fixeron hoxe un balance deste proxecto dirixido a traballadores desempregados do sector téxtil
  • • Beatriz Mato indicou que o 39,6% dos participantes acadou a súa inserción laboral, unha porcentaxe que se prevé aumentar antes de que remate a iniciativa
  • • Javier Guerra apuntou que o Plan Téxtil Moda Galicia Visión 2020 permitiu destinar ao sector máis de 13,8 millóns de euros, nesta lexislatura
  • • O proxecto ‘Empregatex’ é unha das primeiras actuacións consensuada dentro do seo do diálogo social

Un total de 200 traballadores e traballadoras galegos atoparon un novo emprego grazas ao programa ‘Empregatex’, posto en marcha pola Xunta de Galicia para axudar ás persoas desempregadas do sector téxtil na súa inserción laboral. Ademais, permitiu a orientación laboral de máis de 500 persoas do sector.

Así o indicou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que, xunto ao conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, fixo o balance deste programa que comezou en febreiro de 2010 e conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Adaptación á Globalización.

Beatriz Mato salientou que, deste xeito, o 39,6% dos participantes acadou a súa inserción laboral, unha porcentaxe que se prevé aumentar antes de que remate o proxecto, neste mes de febreiro, se ben destacou o nivel conseguido tendo en conta que son persoas cun perfil de inserción difícil: o 86% das participantes eran mulleres, o 39,5% con idades comprendidas entre os 40 e os 49 anos, e o 54% con estudos primarios.

Así mesmo, subliñou a ampla cobertura deste programa, posto que nel participaron máis de 500 persoas dun total de 626 que foron localizadas como afectadas pola destrución de emprego no sector durante a etapa de difusión do proxecto.

Pola súa banda o titular de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que a Xunta continúa impulsando a reactivación do sector téxtil e as iniciativas que favorecen o crecemento desta actividade. Neste sentido, Guerra destacou que o Goberno galego está a desenvolver o Plan Téxtil Moda Galicia Visisón 2020, “enfocado cara ás necesidades reais dun sector cuxas pemes empregan aproximadamente a 10.300 persoas, en Galicia”.

O conselleiro de Economía e Industria apuntou que este plan permitiu destinar ao sector téxtil máis de 13,8 millóns de euros, nesta lexislatura. Guerra engadiu que esta estratexia de apoio deseñouse como unha visión compartida por todo o sector, para facer máis competitiva esta actividade, apostar pola innovación como vantaxe, orientar as estratexias comerciais cara á necesaria internacionalización e, por suposto, apostar polo mantemento e a creación de emprego e autoemprego, contando cun amplo abano de programas específicos como o ‘Empregatex’.

O proxecto ‘Empregatex’ é unha das primeiras actuacións consensuada dentro do seo do diálogo social e está liderado polas consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria, en colaboración coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), patronal téxtil, que xunto cos sindicatos UGT e CC.OO. é parte executora deste programa.

A primeira fase do proxecto consistiu principalmente en localizar e contactar coas persoas desempregadas procedentes do sector téxtil. Durante esta fase, tamén se elaborou unha investigación para detectar as ocupacións cun maior potencial de inserción nos territorios de procedencia dos participantes.

Polo tanto, tras estudar as ocupacións con máis ofertas –ben dentro do propio sector téxtil, como en sectores alleos, pero con xacementos de emprego-, deseñáronse unha serie de accións formativas adaptadas.

A titular de Traballo lembrou que ‘Empregatex’ abriu “un amplo abano de posibilidades” para estas persoas, tales como a reinserción dentro do propio sector, a ocupación noutro sector, a posta en marcha dun proxecto emprendedor, ou a formación transversal en aspectos como as novas tecnoloxías.

Fonte: Xunta de Galicia.

Adxunto(click to download)
1-2 NP EMPREGATEX.docNota de prensa: xornada de presentación de resultados