Fases

O presente proxecto estrutúrase nas seguintes fases:

FASE 0. Análise de caracterización ocupacional do sector téxtil - confección
En primeiro lugar, é necesario contar cunha análise de caracterización do sector téxtil - confección. Así pois, será necesario coñecer e definir o contorno, as súas principais características etc.

FASE I. Programa de captación para o emprego
Unha fase necesaria é a de difusión e divulgación, xa que é preciso que as persoas destinatarias das accións que se van executar as coñezan con detalle, de maneira que se poida contar coa súa implicación e participación activa. Dous elementos importantes serán a sensibilización e a motivación dos potenciais participantes no proxecto, con vistas a dar a coñecelo e transmitir con claridade os seus obxectivos e expectativas. A captación realizarase fundamentalmente mediante charlas divulgativas nas catro provincias galegas, dado que as persoas desempregadas se atopan distribuídas por todo o territorio galego. Así pois, nestas charlas presentarase o proxecto, os seus obxectivos, actividades e programas, co fin de que as persoas interesadas en participar nel poidan coñecelo con detalle.

FASE II. Concertación con asociacións e empresas
Fase de reunións con asociacións e empresas de diversos sectores co fin de facilitar a inserción laboral de persoas procedentes do sector téxtil - confección.

FASE III. Orientación profesional
A seguinte fase é a de orientación profesional, que consiste en realizar un diagnóstico da persoa desempregada a través de entrevistas persoais co fin de coñecer con detalle a súa situación socioprofesional, o seu nivel formativo, as súas aptitudes, capacidades, experiencias, intereses e expectativas laborais, así como calquera outra información necesaria para facer unha valoración adecuada das súas posibilidades reais de reincorporación ao mercado laboral. É fundamental conseguir a motivación e implicación activa da persoa desempregada. Este proceso de orientación debe promover a igualdade de oportunidades de todas as persoas e a súa participación activa no propio proceso.

FASE IV. Itinerarios de inserción laboral personalizados
O obxectivo desta fase é elaborar un itinerario personalizado para cada desempregado, é dicir, trazar o camiño que unha persoa debe percorrer para adquirir competencias persoais e profesionais co obxectivo último de mellorar as súas probabilidades de inserción. O desenvolvemento dun itinerario personalizado implicará a planificación e execución dun proceso de mellora da ocupabilidade da persoa.

O itinerario de inserción laboral elaborarase de acordo coas seguintes etapas:

o Valoración do diagnóstico da orientación profesional.
o Definición do obxectivo laboral e do proxecto profesional.
o Deseño e adaptación das accións formativas pertinentes.
o Presentación e orientación cara a algún dos programas de inserción laboral.